Thursday 25 de April de 2024

Todo listo en Boqueixón para unha dobre cita cultural esta semana: Noite Velada e Batalla de Ponte Ledesma


O campo do río de Ponte Ledesma acollerá o domingo 7 unha recreación da histórica Batalla de Ponte Ledesma e a presentación dunha peza sinfónica sobre a derrota das tropas napoleónicas

O campo do río de Ponte Ledesma (Boqueixón) será escenario esta semana de dúas singulares iniciativas culturais: a Noite Velada e a Batalla de Ponte Ledesma. Dous eventos de entrada libre e de balde, ata completar aforo.

Así, o campo do río de Ponte Ledesma acollerá o venres 5 de agosto unha nova edición da “Noite Velada”. Esta iniciativa, organizada polo Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón, busca aunar a tradición e a cultura baixo a imaxe dunha ponte histórica que volverá alumearse coa luz das candeas e as teas, despois das restricións das últimas edicións.

A partir das 21:30 horas, a música correrá a cargo dos grupos A Banda da Balbina, Raiola e Luz do Ilicinio. A entrada é totalmente libre e de balde, ata completar o aforo de butacas. Unha vez cuberto, o público asistente tamén pode seguir as actuacións de pe ou sentados no céspede co campo do río.

Recreación e estrea musical

O mesmo escenario acollerá dous días despois, o domingo 7 de agosto, ás 20:00 horas, unha recreación da histórica “Batalla de Ponte Ledesma”, organizada polo Concello de Boqueixón e que presenta varias novidades. A primeira será a recreación da batalla entre a veciñanza liderada pola Xunta de Trasdeza e as tropas napoleónicas en marzo de 1809, que se saldou con vitoria veciñal. Unha recreación na que participarán veciños e veciñas de Boqueixón, así como os “franceses” da Asociación Cultural Heroes de Casaldeirigo (Valga), todos eles dirixidos polo actor Suso Martínez.

Este ano, a representación contará cun valor engadido: o concerto da Unión Musical Ponteledesma que servirá para estrear a obra “A batalla de Ponte Ledesma”. Unha composición de oito cadros sinfónicos composta por Simón Couceiro, músico estradense que puxo música a todo o acontecido aqueles históricos días: dende as primeiras reunións da Xunta de Trasdeza ata a celebración dunha histórica vitoria coa que ninguén contaba. A cita é ás 20:00 horas no campo do río de Ponte Ledesma. A entrada será libre e de balde.